Os temas

Buscar aloxamento é unha das tarefas máis tediosas pero máis importantes que tes que facer se pensas en virte ao Reino Unido. Se pensas facelo desde Galiza, tes a dificultade engadida de que hai mar por medio, así que non podes ver as vivendas. E sería raro que atoparas a un caseiro que che garde o piso até que veñas. De feito, se fai isto sospeita, porque probabelmente sexa un galpón que ninguén quere.

Esta non é a guía definitiva para atopar casa. Iso non existe. Pero podemos darche unha serie de consellos e orientación que se cadra che son de utilidade.

Tipos de aloxamento

O primeiro que tes que facer é ter unha idea xeral do tipo de vivenda que queres buscar. Como todo, isto depende moito do teu poder adquisitivo e enfoque que lle deas á túa viaxe ao Reino Unido. A continuación poñemos algunhas das opcións máis frecuentes.

Pisos e casas
En xeral están orientados a familias e alúganse enteiros. É moi raro que se estás pensando en virte ao UK optes por esta opción xa que os prezos son demasiado altos para o que se pode permitir un mozo galego normal. Os alugueiros son especialmente altos en Londres e no sueste de Inglaterra.

Casa de ocupación múltiple
Esta é a denominación que se lle dá no Reino Unido ás vivendas compartidas. Hai algunhas zonas comúns como pode ser o salón ou a cociña, pero tamén é moi normal que cada habitación funcione como unha unidade independente e só se compartan as escaleiras e/ou o baño. A isto último chámanlle bed-sitting room. Nas cidades máis caras como Londres tamén é habitual compartir habitación entre 2 ou máis persoas para conseguir aloxamento en zonas mellores pero máis caras.

Estudos
Xeralmente máis caros que unha habitación nunha casa de ocupación múltiple. Aquí cociña, salón e habitación están no mesmo espazo. O único que atopas a parte é o baño. Están enfocados a unha persoa sola.

Residencias de estudantes
Se estás pensando en vir a estudar inglés ou algunha disciplina na universidade, existe unha ampla oferta de residencias. As caraceterísticas poden variar moito entre elas. Algunhas inclúen algunhas comidas, outras funcionan como pisos independentes, nalgunhas compártese habitación, noutras non…O mellor é que te poñas en contacto co teu centro de estudos para ver que ofertan, pero ten claro que van ser máis caras que o aloxamento privado.

B&B e albergues
Son as mellores opcións para un período curto de tempo, por exemplo cando acabas de chegar e buscas aloxamento permanente. Os Bed&Breakfast son pequenos hostais nos que, como o seu propio nome indica, ofertan unha cama e almorzo. O prezo varía moito dependendo da cidade e da zona. Pola súa banda, os albergues son unha alternativa en xeral máis económica pero na que tes que compartir habitación na maioría dos casos.

Por onde buscar?

Se xa tes decidido o tipo de aloxamento que che interesa, é hora de que comeces a buscar. Neste proceso hai que estar sempre moi atento, xa que hai anuncios por todas partes. Non debes ir pola rúa mirando ao chan, senón que tes que estar pendente dos carteliños que pegan nas tendas locais. Aí hai moitas ofertas.

A día de hoxe tamén hai moitas ofertas na rede. Moitísimas. No Reino Unido abundan as páxinas especializadas que son útiles para buscar aloxamento. Aquí tes unhas cantas, pero hai máis.

      • Gumtree Páxina de anuncios moi popular no UK
      • Flatshare Moi útil para buscar compañeiros de piso
      • Spareroom Para buscar habitación soltas
      • Easyroommate Outro sitio web para atopar compañeiros
      • Hostelworld A mellor páxina para buscar albergues
      • Bed and breakfast Como o seu propio nome indica, unha páxina para buscar Bed and Breakfasts.
      • Loot Xornal de compra, venda e aluguer. Mércao pola mañá ou esquécete das boas ofertas.

Asegúrate de que fas un bo perfil e está moi pendente dos novos anuncios. Que as boas ofertas voan!

Que mirar nunha oferta de piso?

Localización. É básico. Non te deixes guiar só polos prezos baixos porque podes rematar en sitios moi turbios. Non está de máis que lle botes un ollo á páxina da policía para ver como está a taxa de criminalidade na túa área. Tamén tes que avaliar se che compensa estar moi lonxe do sitio onde traballas ou non.

Que vai incluído? É moi importante que te asegures de que facturas tes que pagar e cales non. Televisión, auga, electricidade, gas, internet…e sobre todo o imposto municipal. Pode ser bastante caro, aínda que os estudantes están exentos. Calibra o que estás disposto a pagar polo alugueiro base se non che inclúen as facturas. E pensa que no Reino Unido para ver a TV tes que pagar unha licenza de 145 euros anuais por aparello. Isto serve para financiar a BBC e hai multas moi altas para quen o incumpre.

Transporte. Podes estar na mellor casa do mundo, pero vivir no medio da nada non mola demasiado. É moi importante estar ben comunicado, sobre todo co lugar onde traballas ou estudas.

Consellos útiles

Nunca envíes cartos por Western Union ou Money Gram. Repetimos por se non quedou claro. NUNCA, XAMAIS, BAIXO NINGÚN CONCEPTO envíes cartos por Western Union ou Money Gram. Se algún caseiro che pide que lle envíes unha fianza ou un primeiro pagamento utilizando estes sistemas…desconfía. Sobre todo se non viches o piso. Son un timo seguro.

Evita a toda costa facer calquera transacción se non hai papeis polo medio e non leves moitos cartos encima até que asines o contrato. Non é ser alarmistas, pero os roubos e estafas existen e cómpre ser precavidos. Supoño que ninguén quererá ter que volver a Galiza ás 2 semanas porque se quedou sen cartos.

Que o contrato que asines sexa o máis detallado posíbel. É bo que o caseiro faga constar as súas obrigas e cales son as condicións de cancelación no caso de que non as cumpra. Pódeste ver na situación de ter que abandonar a vivenda porque cae a cachos e que che queiran cobrar por todos os meses do contrato.

Mira ben o barrio. Pode ser unha casa fantástica, pero se non hai nin un supermercado onde facer a compra ou os teus veciños son moi conflitivos, igual non che compensa.

Pasa dos anuncios vellos. Se ves algunha oferta que ten unha semana ou mesmo un mes de antigüidade, o máis probábel é que sexan un timo ou simplemente moi malas.

Pensa que igual che compensa coller unha semana ou dúas nun albergue para mirar aloxamento na propia cidade. Contratar algo a cegas desde Galiza pode non dar bo resultado.

Agardamos que isto che sexa de axuda, e coma sempre, seguiremos ampliando e se cres que faltan cousas, comenta!

Tagged with:
 
  • Xulio

    Non falades de vivir cunha familia, o “homestay”. Supoño que vai máis enfocado a estudantes, xa que é a modalidade que recomendan nas academias.

    • GZnoUK

      Pois a verdade é que non consideramos esa opción. A idea do artigo era servir de axuda aos que van sen nada, pero teremos en conta o das estancias cunha familia para futuras entradas.

      Graciñas polo teu comentario!