Aínda non atopaches traballo ou o diñeiro que ganas non che chega para pagar o aluguer? No Reino Unido existen unha serie de axudas económicas que podes solicitar. A pesar de que tanto os británicos coma os irlandeses son moi críticos con elas poden serche de gran utilidade, pero lembra, continúa buscando traballo porque dos benefits non se pode vivir.

JOBSEEKER ALLOWANCE

O Jobseeker Allowance é unha axuda económica que recibes se non tes traballo ou se traballas menos de 16 horas semanais. Pódelo solicitar se es maior de idade e se estás a buscar emprego de xeito activo. No caso de que sexas un estudante a tempo completo non te poderás beneficiar desta axuda ata que o curso remate oficialmente.

O Jobseeker Allowance pode variar dependendo das túas circunstancias, pero existen unhas cantidades máximas semanais fixadas:

Menores de 25 anos                                                 56,25 libras

Maiores de 25 anos                                                  71,00 libras

Parellas/Unións civís                                                111,45 libras

Se vives en Gran Bretaña podes solicitar o Jobseeker Allowance online, aínda que de todos xeitos terás que acudir a unha entrevista ó  Job Centre Plus máis próximo. No caso de Irlanda do Norte terás que acudir a oficina de Jobs and Benefits ou a Social Security Office que che quede máis a man.

 

HOUSING BENEFIT

O Housing podes solicitalo teñas traballo ou non, sempre que os teus ingresos non sexan altos e precises dunha axuda extra para poder pagar as túas rendas.

Os motivos máis comúns polo que se che podería denegar é se tes uns aforros superiores a 16.000 libras, vives na casa dun parente próximo ou eres estudante a tempo completo. No caso de teres menos de 34 anos só se che concederá o Housing Benefit para unha vivenda dun só dormitorio ou para unha habitación nunha casa compartida. Non esquezas tampouco que se compartes casa coa túa parella só un dos dous pode pedir esta axuda.

Son moitos factores a ter en conta, polo que é algo complicado predicir canto recibirás. A cantidade variará en función das túas circunstacias: os ingresos, tanto teus coma da túa parella, outras axudas que recibas, os aforros, a túa idade, o tamaño da familia e mesmo se alguén que vive contigo che podería axudar co aluguer. Tamén se teñen en conta as características do fogar: o tamaño da vivenda, se é razonable para a xente que vive nela, ou  a renda que pagas en función da casa e da zona onde vives.

Esta axuda non adoita cubrir ao cen por cen a cantidade que tes que pagar xa que o máximo Housing Benefit que podes recibir é a chamada ‘eligible rent’ que non coincide coa cantidade total. Os cartos que recibirías serían para o aloxamento e para gastos de servizos como ascensores ou outros da comunidade. Quedan fóra, aínda que vaian incluídos no aluguer,  auga, calefacción, luz…

Se estás interesada ou interesado podes obter máis información online para Gran Bretaña e para Irlanda do Norte, aínda que para solicitalo terás que cubrir unha solicitude. Pódela obter no Job Centre Plus ou no Jobs and Benefits se pides o Jobseeker Allowance pero tamén descargala directamente de internet.

E por último, se vas solicitar esta axuda non esquezas preguntarlle ao caseiro se a acepta. E é que ás veces non todas as casas teñen unha licenza requerida e poderías ter problemas.

 

Con este artigo incorporamos a unha nova colaboradora: Patricia Lamas, unha limiá que vive en Belfast.

Tagged with:
 
  • http://twitter.com/jfcolomer Juan Folgar Colomer

    Noraboa polo post, de moita axuda e completo. Unha duda, marcho para Londres en 2 semanas e tiña entendido que para solicitar o Insurance number había que pedir vez cun par de semanas ou tres de antelación. É correcto? ou podo ir ó Job Center e xa me da o IN no momento? Saúdos e gracias :)