Atopar traballo require tempo e esforzo. Isto non o podemos esquecer por moito que a situación do mercado laboral no Reino Unido sexa moito mellor que a do Estado Español. A crise tamén chegou ás illas e mesmo os graduados universitarios non o teñen fácil á hora de conseguir o seu primeiro emprego. É por iso que cómpre ter paciencia e investir tempo en facer un bo curriculum, cubrir application forms, buscar referencias, acudir a recruitment agencies… Terás que entregar o teu CV ou application en persoa, email ou mesmo por carta, acudir a recruitment days, facer probas e tamén exames.

Onde buscar?

En Gran Bretaña podes mirar no Job Centre Plus mentres que en Irlanda do Norte o equivalente é o Job Centre Online. Ámbalas dúas páxinas contan cunha ampla variedade de ofertas e cunha actualización constante. Se o que buscas é algo moi concreto seguramente existan páxinas específicas para iso. No caso da área sanitaria poderás ter acceso ás vacantes rexistrándote no www.hscrecruit.com ou no www.jobs.nhs.uk .

Pero existen moitos máis xeitos que seguro que coñeces: anuncios en taboleiros, en escaparates ou na propia empresa, webs como Gumtree e por suposto os xornais. Algúns deles contan con seccións online moi útiles como o The Guardian ou Belfast Telegraph. Nesta páxina teñen unha relación de webs nos que podes mergullar.

CV ou Application Form

Antes de nada, lembra que cando fagas o curriculum terás que adaptalo ao modelo do UK xa que é lixeiramente diferente ao que estamos acostumados. Malia todo, non sempre cho aceptarán. Algúns postos requiren que cubras unha aplicación que descargas de internet ou que cha mandan a casa por correo. Isto supón máis traballo pero por sorte moita da información que xa puxeches no CV poderase aproveitar.

É importante que sexas coidadoso ó cubrir a aplicación ou que adaptes o CV ao posto de traballo, xa que moitas veces iso é o que empregan como método de selección para a entrevista.

Referencias

É moi importante que contes como mínimo con dúas persoas que poidan dar referencias de ti. Na maioría dos casos non valen amigos ou familiares e é importante que esas persoas residan no UK. A miúdo piden o número de contacto, dirección e correo electrónico.

Adoitan pedir a referencia do teu último xefe pero tamén de compañeiros de traballo ou profesores. Se es voluntario dalgunha organización iso tamén será de axuda. Eso si, antes de nada pídelles ás túas referencias permiso para dar os seus datos.

No curriculum non fai falla que poñas esta información, abonda con algo semellante a ‘References avaliable on request’ mentres que nas application forms seguramente terás que completar todos os datos.

Recruitment Agencies

Son organizaciónns de recursos humanos. Adoitan ter unha gran variedade de postos de traballo e existen moitas diferentes que poden estar especializadas en distintos ámbitos. Non só teñen ofertas de traballo temporal, aínda que si que son as máis abundates. Se consigues rexistrarte cun par delas seguramente te chamarán para entrevistas e mesmo para comezar a traballar.

Cando apliques para algún traballo a través de axencias chámaos ou pásate pola oficina para que che confirmen a recepción da túa aplicación e poder acordar así unha entrevista con eles. E é que debido ao gran numero de solicitudes que reciben é posible que non che presten moita atención se non insistes un pouco.

Monitoring Form

En Irlanda do Norte, a application form adoita ir acompañada dunha monitoring form. Isto é un papel no que recollen información sobre a túa idade, sexo, nacionalidade, antecedentes penais e pertenza á comunidade católica ou protestante. É confidencial e non influirá no proceso de selección, senón que se empregará para comprobar se a empresa cumpre os requisitos de igualdade de oportunidades.

Access NI

Se buscas traballo relacionado con nenos, enfermos ou persoas vulnerables no norte de Irlanda seguro que che pedirán o Acces NI, o rexistro de antecedentes penais. Non abonda con que traias o equivalente do Estado Español, terás que solicitar este. O prezo é relativamente elevado, ó redor dunhas 30 libras e caduca ó cabo dun tempo.

Tagged with: