Cantos cartos levo en efectivo? Compro libras e lévoas dende a casa ou vou con euros e xa verei aló? Que fago coa miña conta en Galiza? Como funcionan os bancos no UK? Poderei retirar cartos no caixeiro coa miña tarxeta? Canto me custará facelo? Estas son algunhas das preguntas máis habituais que lle veñen a un á cabeza cando se está a preparar para a viaxe.

Comecemos polo principio. No UK a moeda oficial e a Libra esterlina, o Pound Sterling. Sen embargo Escocia e Irlanda do Norte emiten o seu propio papel moeda que é moi diferente en deseño (nótese que, entre outras cousas, non contén a cara da raíña) aínda que non é diferente en valor. Pola súa banda Irlanda do Sur asumiu o euro como moeda. En todo o UK, incluída Inglaterra, pódese pagar legalmente coas libras escocesas e as irlandesas, xa que, a efectos de valor e uso, son iguais que as Libras Esterlinas. A única diferencia é que se estás en Inglaterra non che poden devolver cartos nestas divisas. Aínda así, é moi posible que nalgún sitio se neguen a aceptalas, con insistir é dicir que estás no teu dereito, debería bastar.

Convén tamén ter en conta que nalgúns establecementos ás veces poñen problemas para pagar con billetes de 50 libras ou máis. Para evitalo, leva mellor billetes pequenos.

A respecto de comprar libras no país de orixe, eu persoalmente son contraria. Os bancos adoitan a aproveitarse unha barbaridade do “medo” que soe ter a xente cando vai ao estranxeiro e cobran unhas taxas que varían dependendo do banco, pero que normalmente son unha verdadeira esaxeración. É conveniente levar sempre cartos en efectivo no peto, pero non é imprescindible. En primeiro lugar sempre está o pago con tarxeta. Este é o método de pago preferido polos habitantes do UK. Úsase tanto para pagar grandes cantidades, como para mercar un xornal ou un café. É case imposible que che poñan mala cara por pagar unha libra usando a tarxeta. Son cartos e isto basta. A esta facilidade únese a cantidade inxente de casas de cambio de moeda que hai no país o que fai innecesario comprar as libras con anterioridade á vosa chegada. No propio aeroporto hai casas de cambio e caixeiros onde conseguir libras. Se todo vai mal e, despois de todas as nosas precaucións, a nosa(s) tarxeta(s) decidiu non funcionar, sempre podemos usar os euros que levemos no peto para comprar libras a prezo de mercado e seguir coa nosa viaxe.

As tipoloxías e circuítos de tarxetas máis utilizados son Visa e Mastercard. Por suposto non coñecemos todas as diferentes tarxetas e contas bancarias que ofertan os bancos galegos e españois e as súas características. Este é un traballo que, se queres manter teus os teus cartos, terás que facer ti antes de saír ó estranxeiro. As diferentes opcións dependerán da túa idade, do lugar onde vaias, do tipo de uso que lle vaias dar á conta, do tipo de tarxeta que che interese facer, etc pero convén que teñas en conta algunhas cousas antes de decidirte por unha en concreto. Non te cortes en preguntar. Para empezar, os bancos están ávidos por captar novos clientes, e por outra banda, é mellor para ti ser un pesado que ver como os teus cartos desaparecen en taxas das que non tiñas nin idea.

A ter en conta:

  • As taxas por mantemento de conta, expedición e mantemento de tarxeta. É importante saber se as taxas varían en función da nosa idade.
  • Se inclúe o servizo de banca electrónica. Moi útil en todas partes, pero sobre todo no estranxeiro.
  • Se permite operar dende o estranxeiro (tanto nos pagos en tenda como no pago por Internet). Especificade que queredes que funcione dende o estranxeiro e asegurádevos de que todas as funcións están activas e de que levades con vos tódolos códigos necesarios para operar.
  • Taxas por retirada en caixeiro en circuítos estranxeiros.
  • Límites da tarxeta: límite diario e mensual de compra, límite diario e mensual de retirada en caixeiro, etc. Asegurádevos de que vos convén o límite e se non é así cambiádeo ou buscade outra conta. Tede en conta para establecer os límites que pode que ao principio teñades que mover grandes cantidades de cartos (pagos de alugueiro e fianzas, cursos de idiomas, bonos de transporte, etc.). A pesar desta precaución, no UK os caixeiros teñen o seu propio límite que varía en función do banco, así que aínda que acordarades coa vosa entidade galega que podedes retirar “x” libras ao día, alí vante obrigar a facelo en varias tandas, un claro inconveniente se só o podes facer de balde dúas veces ao mes como pasa coa conta Novagalicia Banco. Coma sempre, buscade información dos limites nos propios bancos e planificade as vosas retiradas en varios días para non quedar ao descuberto canto necesitedes os cartos.
  • Condición do seguro da tarxeta (por exemplo se inclúe seguro por duplicado, e demais fraudes). Visa é tradicionalmente a mellor en cuestións de seguridade, pero é mellor que vos informedes precisamente do que inclúe a vosa tarxeta porque incluso Visa ten diferentes tipoloxías de seguros.
  • Ás veces é útil que non sexades os únicos titulares ou os únicos autorizados nunha conta. Se estades no estranxeiro pode ser que necesitedes que alguén acceda persoalmente á vosa conta (para cancelala, para retirar cartos ou para solucionar problemas de calquera tipo). Unha solución pode ser que algún familiar no que confiedes quede como autorizado para que poida acceder a ela sen problemas.

Por poñer un exemplo concreto, hai anos CaixaNova fíxose relativamente famosa entre os mozos que viaxaban ao estranxeiro por ofrecer unha conta (con tarxeta Mastercad gratuita asociada) que non tiña cargas ata os 30 anos e que permitía retirar cartos en calquera caixeiro do mundo as veces que fora necesario sen pagar ningunha comisión. Agora, na entidade bancaria NovaGalicia Banco siguen existindo a tarxeta e a conta, coa variación de que solo se pode retirar gratis dúas veces ao mes. Aínda con este importante cambio segue a ser unhas das mellores contas para mozos no estranxeiro.

Se a vosa intención é a de traballar no UK ou permanecer mais tempo alí é probable que necesitedes abrir unha conta. Non é difícil, sendo europeos, só é necesaria unha pouca de paciencia. Nos bancos ingleses non solen ser antipáticos e na recepción sole haber unha persoa que se encarga de informar sobre o que necesitades para poder abrila. Algunhas cousas que seguramente vos pidan son:

  • Pasaporte ou DNI
  • NIN (National Insurance Number)
  • Un papel onde alguén certifique onde vivides (tamén serve unha factura ao voso nome, un contrato de alugueiro, unha factura do albergue onde vos aloxedes, etc)
  • Un número de telefono no Reino Unido

O feito de ter traballo facilita moito a apertura dunha conta. Cando vos contraten, se podedes, pedide ao empregador unha carta que certifique que necesitades a conta para domiciliar a nómina e todo o demais irá rodado.

Como en todas partes a oferta de tipoloxías de contas é enorme e seguramente tenderán a ofrecervos aquela na que o banco poida sacar algún beneficio extra (comisións ou contratación de servizos extra). Non vos rendades, hai contas que inclúen tarxeta e non teñen gastos asociados, preguntade por elas!! Por suposto as cousas a ter en consideración que xa mencionamos para as contas galegas son, en gran medida, aplicables para estas. Facer unha lista antes de ir ao banco axuda a concentrarse nas nosas necesidades.

Os maiores grupos bancarios no UK por orde de importancia son os seguintes:

  1. HSBC
  2. Royal Bank of Scotland Group (A porcentaxe de participación gobernamental é de un 80% aprox) Neste grupo está incluída NatWest un dos bancos con maior presenza en Inglaterra
  3. Lloys Banking Group (tamén con participación gobernamental pero moito menor.
  4. Barclays
  5. Santander: Non vos confundades, o feito de que se chame Santander non significa que sexa o mesmo banco. As contas do Santander España non son as mesmas que no Reino Unido. Se este é o voso banco en Galiza non significa que o sexa no UK.

Estas son os principais grupos e entidades bancarias. Por supondo existen outras entidades de menor tamaño e que posiblemente ofrezan servizos que poden ser interesantes. Así mesmo, nun país ferozmente liberal non que a finanzas se refire, pode ser interesante a oferta da Banca Ética. A Charity Bank e The Coo-perative bank
son dous dos nomes máis importantes de Bancas Éticas que traballan no UK. Nunca está demais botarlles un ollo.

Tagged with:
 
  • natalia

    moi bo post, levo aquí dous meses e recoñezo que é unha información moi útil para os recén chegados. bo traballo en xeral, graciñas!