Para o derradeiro post sobre os programas electorais collemos a dúas forzas políticas que, malia non ter representación parlamentaria, están soando con forza como candidatas para entrar no Hórreo. Falamos de Alternativa Galega de Esquerda e Compromiso por Galicia.

A coalición formada por Anova-Irmandade Nacionalista e Izquierda Unida presenta o que eles chaman “Acordo programático”, un documento de tres follas no que bosquexan unhas liñas xerais da súa proposta política. Desgraciadamente non podemos resaltar nada, xa que non existe ningunha referencia nin á comunidade galega no exterior nin tampouco á emigración xuvenil.

Compromiso por Galicia, aínda que presenta un programa máis extenso, tampouco lle dedica espazo aos que marcharon nin aos que están marchando. Malia todo, grazas a un cuestionario que responderon para Cadernos.net, podemos extraer algún dos seus posicionamento a respecto da comunidade emigrante.

CxG afirma que frear a emigración e favorecer o retorno dos que xa marcharon é unha prioridade para corrixir a profunda crise demográfica que vive o país. Para iso propoñen liñas de axuda ao emprendemento para ofertarlle oportunidades á mocidade máis formada.

No referido ao dereito a voto da comunidade emigrante, a formación galeguista considera que a actual lei non favorece a participación por mor do axustado dos prazos e das dificultades burocráticas. Propoñen unha reforma que combine “garantías” con axilidade e que se basee no voto en urna.

Se queres botarlle unha ollada de vagar ao programa da AGE, preme aquí e se estás interesado no de Compromiso por Galicia, clica aquí.

Tagged with: