Seguindo coa serie de posts sobre os programas electorais, hoxe collemos ao Partido Popular, que é o que máis tinta gasta na emigración.

O PP propón centrar a súa política na Lei de Galeguidade e nos seus regulamentos, un proxecto que pretende aprobar na vindeira lexislatura.

Ao abeiro desta iniciativa pretenden desenvolver os decretos reguladores do Consello de Comunidades Galegas, a Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas e o Rexistro de Galeguidade.

Centros Galegos e internacionalización

Os populares apostan por unir ou fusionar as entidades e comunidades galegas no exterior para mellorar a súa eficiencia económica e achegar servizos máis especializados. Isto favorecería a proxección da “marca Galicia”, outro dos eixos programáticos.

Baixando cara accións máis concretas podemos destacar as seguintes:

  • Plano de comunicación orientado ás comunidades galegas
  • Manter unha liña de subvencións primando aqueles proxectos que teñan máis impacto nos residentes
  • Elaborar un plano de protección do patrimonio cultural galego no exterior que sirva para catalogar, avaliar e protexer o legado cultural, histórico e documental da emigración.
  • Garantir por lei que no caso da disolución dunha entidade, o seu patrimonio será cedido ao “pobo de Galicia”
  • Crear un “lobby” de galegos no exterior para mellorar a nosa proxección internacional e expandir a “marca Galicia”.
  • Promover unha rede de galegos no exterior “con especiais contactos no mundo empresarial, político e social” dos seus países de acollida.
  • Converter os Centros Galegos en oficinas de información turística

Política socioasistencial

O Partido Popular comprométese a manter na vindeira lexislatura a mesma liña nas política socioasistencias á comunidade galega no exterior e a fortalecer a rede construída pola comunidade.
Apostan porque estes centros busquen vías de financiamento externas para evitar a súa dependencia dos fondos públicos.

Así mesmo, o PP aposta por ampliar o número de entidades galegas con convenio subscrito para xestionar a tarxeta “Galicia Saúde Exterior”

Participación

  • Para fomentar a participación da comunidade galego no exterior e vinculala coas institucións do país, o Partido Popular propón unha batería de medidas que podemos resumir nas seguintes:
  • Promover unha reforma da LOREG para igualar a metodoloxía do voto emigrante “nas mesmas condicións e coas mesmas garantías” que os censados en Galiza.
  • Depurar os datos do CERA
  • Solicitarlle ao goberno español que as comunidades autónomas poidan dispor do Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro
  • Mellorar as capacidades dos órganos asesores e consultivos das comunidades galegas
  • Comprométense a fomentar a participación da mocidade e da muller. Para isto propoñen medidas concretas como realizar “Congresos de Xuventude en América e Europa” e organizar actividades orientadas a mozos e mozas para favorecer a súa integración. No apartado da participación feminina, propoñen tamén organizar un congreso da “muller galega no exterior” e contribuír a que ocupen máis postos nas directivas das entidades galegas.

Se queres máis información do programa electoral do PP, preme aquí

Tagged with: