Non son moitos os emigrantes galegos que vaian votar nestas eleccións. Segundo publica Cadernos.net, tan só 26.000 residentes no exterior solicitaron o dereito a voto. Pode parecer moito, pero se o comparamos cos 96.000 que houbo en 2009 pois non é tanto. E aínda é menos se sabemos que todo o censo emigrante alcanza as 400 mil persoas.

De calquera xeito, en Galiza no UK queremos facer a nosa achega para que o voto daqueles que si o solicitaron sexa o máis informado posíbel.

Hoxe inauguramos unha serie de posts sobre os programas electorais dos distintos partidos. Non pretendemos facer un resumo da súa totalidade pero si das propostas que afectan á comunidade emigrante. Comezamos polo PSOE porque foi o primeiro en facer público o seu proxecto, pero logo seguiremos con BNG, PP, AGE e CxG.

As maletas de Feijóo

O programa do PSdeG fai unha única referencia á emigración xuvenil en todo o programa. Lembra unha anécdota na entrega dos premios de Fin de Carreira do ano 2011, onde a Xunta de Galicia agasallou cunha maleta aos galardoados. No debate de onte, Pachi Vázquez tamén lle recordou isto ao candidato do PP, e insistiu en que eles non lles abrirán as portas para marchar aos mozos e mozas galegos.

No propiamente referido aos dereitos da Galiza exterior, o programa socialista xa é máis explícito. Insisten moito na idea de que os estamos fóra somos “galegos de primeira” e que temos que contar cos mesmos recoñecementos que os que viven no país.

Comezan loando o papel da emigración como “depositarios de valores esenciais da nosa identidade como país” pero consideran que son os seus fillos e netos os que permitirán estender “a nosa proxección no mundo enteiro”. Por este motivo, boa parte das propostas do PSdeG van na liña de vincular a esta xente “cos proxectos da Galicia do futuro” a través de encontros empresariais, da lingua como sinal de identidade e dos vínculos culturais.

A xeito de síntese, estas son as principais propostas para a emigración do programa socialista:

  • Creación de redes educativas e culturais que vinculen aos descendentes dos emigrados co sistema educativo galego

  • Facilitar que a descendencia dos emigrantes poida estudar en centros públicos galegos e promover intercambios de alumnos e docentes naqueles países con forte presenza da nosa comunidade.
  • Para a promoción do galego no exterior deseñarán “actuacións de inmersión lingüística” xunto cun novo programa de teleformación para obter o CELGA
  • Constituír o Foro Económico da Galicia Emprendedora no Mundo para coordinar as empresas galegas no exterior
  • Apostan por facer as modificacións lexislativas necesarias para que os galegos e galegas poida votar en urna.
  • Creación dunha Rede de Centros Galegos no Mundo para rehabilitar e unificar o seu patrimonio.
  • Para darlle conta ao patrimonio acumulado pola comunidade emigrante, continuarán coas labores de inventariado, catalogación e dixitalización de imaxes do patrimonio arquitectónico, artístico e documental dos Centros Galegos.
  • Modernizar a rede de centros sociais e sanitarios creada pola comunidade e optimizar as áreas hospitalarias do exterior.

Este é o programa do PSdG, mañá veremos que propón o Bloque Nacionalista Galego.

 

Se queres máis información do programa do PSdeG, pódelo descargar do seu web

Tagged with: