Os temas

Cada vez máis mozas e mozos galegos pensan en vir ao Reino Unido fuxindo da dramática taxa de desemprego que, segundo os datos do INE, xa acada un 41,95% para menores de 25 anos.

Aquí a situación non está para botar foguetes, pero en comparación co Estado Español, un 8,2% de desemprego xeral e un 22% no xuvenil poden parecer cifras estupendas.

Mais estes datos varían moito dependendo das áreas, habendo máis oferta de emprego no sureste e sur de Inglaterra, que no norte do país ou en Escocia e Gales.

De calquera xeito, é frecuente atopar a moitos galegos que veñen para o UK co obxectivo de aprender inglés e traballar no que poidan para ir tirando. Na “Guía de Viaxe” pretendemos botar unha man a todas estas persoas. Esta sección de traballo está en constante ampliación e hoxe só presentamos algúns datos importantes, pero queda moito por saber. Estade pendentes.

Que traballos podes ter?

De entrada depende do teu nivel de inglés. Se o que buscas é un posto altamente cualificado na túa área profesional, vas precisar dun dominio moi importante do idioma.

Pero se o que queres é comezar pouco a pouco, cun traballo básico que che permita ir pagando as facturas e mellorar a lingua, daquela a cousa ponse máis doada.

O mercado laboral no Reino Unido é moi flexíbel, así que non é difícil atopar traballos a media xornada ou temporais en sectores como a hostalaría ou a limpeza.

Canto pagan?

Se o que buscas é un traballo básico, daquela tes que ter como referencia o salario mínimo. É posíbel atopar sitios nos que paguen máis, pero non é unha diferenza extraordinaria.

A diferenza de noutros países, o salario mínimo varía dependendo da túa situación. Afortunadamente todo o mundo ten dereito a cobralo salvo en moi contadas excepcións entre as que cómpre destacar aqueles estudantes internacionais que estean no marco dunha bolsa Leonardo Da Vinci, Erasmus ou semellantes. O traballo feito dentro destes programas non está suxeito ao salario mínimo.

Para os demais, este son os criterios que seguen por hora traballada:

  • £6.08. Traballadores maiores de 21 anos
  • £4.98. Traballadores entre 18 e 20 anos.
  • £3.68. Traballadores entre 16 e 17 anos
  • £2.60. Aprendices menores de 19 anos ou maiores de 19 no seu primeiro ano

A partir de outubro de 2012 haberá unha suba no salario mínimo xeral até as £6.19 e no de aprendices até as £2.60

Que preciso para traballar no Reino Unido?

Segundo a normativa europea, non precisas de ningunha autorización especial para vir traballar aquí, aínda que de xeito voluntario podes solicitar un permiso de residencia.

Malia todo, en calquera traballo vanche pedir o número da seguridade social (NIN, polas súas siglas en inglés) así que é un trámite polo que tes que pasar si ou si.

Número da seguridade social

Para conseguir este documento tes que chamar á oficina de emprego, que aquí se lle chama Jobcentre Plus, e solicitar unha entrevista con eles.

É curioso que este número cho pidan sempre para ter un traballo pero á vez telo que pedir cando tes un traballo. Parece complicado, non? Afortunadamente son máis flexíbeis.

O que tes que facer é chamar por teléfono ao JobcentrePlus (0845 600 0643) e solicitar unha entrevista persoal. Alí preguntaranche polos teus datos persoais e terás que levar probas de residencia (contrato de alugueiro, por exemplo) xunto con documentación básica como o carné de identidade ou pasaporte e o permiso de conducir. Ademais, se xa tes un traballo, deberás facerllo constar.

Na propia entrevista daranche un número provisorio que xa podes comezar a usar, pero non será até as 2 ou 4 semanas seguintes cando recibas na túa casa o NIN definitivo. Pero aínda vas ter que agardar máis se o que queres é a propia tarxeta, que se pode demorar varios meses.

Aínda queda moito do que falar no referido ao emprego no Reino Unido. Como buscar traballo, dereitos laborais, sistema de saúde, etc. Iremos abordando todos estes temas pouco a pouco. Estade atentos

Tagged with: